Nunavut (en inuktitut:ᓄᓇᕗᑦ, que significa A nosa terra),[1] é o maior e máis recente dos Territorios Autónomos do Canadá, situado ao nordés do país, entre Groenlandia (ao leste), Manitoba (ao sur), e os Territorios do Noroeste (ao oeste), territorio do que se separou oficialmente o 1 de abril de 1999, de acordo cos lindeiros fixados previamente en 1993. Desde 1996, ano en que se produciron disturbios entre o exército canadense e varios pobos inuit, como os oka, ipperwash e nativos de Gusafsen Lake, empezábase a advertir a arela destes pobos inuit por lograr unha maior autonomía para o territorio. Tras a recomendación que facía un informe da Comisión Real do Canadá sobre a conveniencia de conceder maior autonomía aos pobos aborixes do Canadá, esta chegou de forma efectiva a mediados de 1999. A creación de Nunavut deu lugar ao primeiro cambio importante no mapa político do Canadá en medio século desde que a provincia de Terra Nova (hoxe Terra Nova e Labrador) foi admitida en 1949.
Nunavut é a subdivisión de país menos densamente poboada do mundo (sen considerar a Antártida), sendo aínda menos poboada que Groenlandia. Cunha poboación de 36858 habitantes segundo o censo canadense de 2021 (en comparación con 35944 en 2016) formada na súa maioría por inuit e cunha masa de terra case tan grande como México, a superficie terrestre de Nunavut é de 1.836.993,78km²[2] e ten unha densidade de poboación de 0,022/km². A súa capital é Iqaluit (anteriormente coñecida como Frobisher Bay), que se atopa na illa de Baffin.
Nunavut tamén alberga o lugar habitado máis ao norte do mundo, Alert.[3]Eureka, unha estación meteorolóxica da illa Ellesmere, rexistra a temperatura media anual máis baixa de calquera estación meteorolóxica canadense.[4]
Nunavut comprende unha gran parte do norte do Canadá e a maior parte do arquipélago ártico. O seu vasto territorio convérteo na quinta subdivisión de país meirande do mundo, así como na segunda máis grande de América do Norte (despois de Groenlandia). A capital Iqaluit foi elixida por un plebiscito capital en 1995. Destacan outras vilas importantes como Rankin Inlet e Cambridge Bay.
Nunavut tiña unha poboación de 36858 habitantes segundo o censo de 2021. Deles, 30865 persoas identificáronse como inuit (84,3% da poboación total), 180 como Primeiras Nacións (0,5%), 120 como Métis (0,3%), 230 con respostas múltiples ou outros indíxenas (0,6%) e 5210 como non indíxenas (14,2%).[6]
A taxa de crecemento da poboación de Nunavut estivo moi por enriba da media canadense durante varias décadas, principalmente debido a taxas de natalidade significativamente superiores á media canadense, unha tendencia que continúa. Entre 2011 e 2016, Nunavut tivo a taxa de crecemento demográfico máis alta de calquera provincia ou territorio canadense, do 12,7%.[17] A segunda máis alta foi a de Alberta, cunha taxa de crecemento do 11,6%. Entre 2016 e 2021, o crecemento da poboación aumentou un 2,5% (o terceiro máis baixo), un descenso de 10,2 puntos porcentuais con respecto ao censo anterior.[2]
No momento do censo, só se contabilizaban como linguas oficiais o inglés e o francés. As cifras mostradas corresponden ás respostas nun só idioma e á porcentaxe do total das respostas nun só idioma.[21] No censo de 2016 informouse de que 2045 persoas (5,8%) que vivían en Nunavut non falaba nin o inglés nin o francés.[22] O censo de 2016 tamén informou de que dos 30135 inuit de Nunavut, o 90,7% podía falar inuktitut ou inuinnaqtun.
No censo de 2021, o 73,5% da poboación de Nunavut profesaba o cristianismo (principalmente o anglicanismo), un descenso con respecto ao 86% recollido no censo de 2011. A porcentaxe de poboación non relixiosa pasou do 13% en 2011 ao 24,9% no censo de 2021. Ao redor do 1,6% da poboación informou outra afiliación relixiosa, incluíndo a espiritualidade aborixe, o hinduísmo, o islam, o budismo e outros.[23][24]
↑"We Speak Inuktut". Government of Nunavut, Department of Culture and Heritage. Arquivado dende o orixinal o 16 de agosto de 2023. Consultado o 16 de abril de 2023.
↑"Religions in Canada—Census 2011". Statistics Canada/Statistique Canada. 8 de maio de 2013. Arquivado dende o orixinal o 19 de decembro de 2015. Consultado o 21 de maio de 2020.
↑"Iqaluit A". Environment and Climate Change Canada. 31 de outubro de 2011. Arquivado dende o orixinal o 16 de maio de 2017. Consultado o 24 de febreiro de 2014.