A corentena[1] é un período de tempo no que se mantén privada de comunicación unha persoa ou animal para comprobar a posibilidade de enfermidade (ou evolución da mesma) para evitar contaxios. A palabra "corentena" orixínase na frase quaranta giorni ("corenta días"), o número de días que segundo a Biblia pasou Xesús Cristo no deserto, se ben pode ter outra duración, segundo a gravidade da doenza e o lugar.
O xeito de illamento efectivo máis antigo é o que se sinala no Pentateuco (Biblia) hai máis de 3 400 anos. De alí seguiuse o consello, como no caso da lepra. Para evitar a propagación da enfermidade entre os antigos israelís baixo a lei de Moisés, as persoas infectadas foron separadas, como manifestan gravados no Antigo Testamento.[2] A partir dos séculos XIII e XIV tórnase máis común. A República de Venecia tomou o liderado en medidas sanitarias para controlar a propagación de pragas, nomeando tres gardiáns da saúde pública nos primeiros anos da Peste Negra (1348).
Na época actual, o temor á contaminación ó regreso da Lúa (contaminación interplanetaria) foi o principal motivo dos procedementos de corentena adoptados para o programa da primeira misión Apollo. Os astronautas e as mostras lunares puxéronse en corentena no Laboratorio de Recepción Lunar. Para as mostras dunha futura misión de retorno de Marte, existe o protocolo de corentena, que se levaría a cabo nun laboratorio de bioseguridade de nivel 4, coñecido como Mars Sample Return Receiving Facility (MSRRF).[3]
A novela Inferno de Dan Brown (2013) refire no resumo a orixe da palabra: "O número corenta —quaranta en italiano— servía de sombría lembranza das orixes da palabra «corentena»."[4]
Por extensión, úsase en informática para a acción dos antivirus de denegar toda clase de permisos a un arquivo para evitar danos no ordenador pero sen borralo.
Tamén se lle chama "corentena" ó posparto ou puerperio.
↑"Mais se a mancha na pel brillante fose branquiza, pero non aparece máis fonda có resto da pel, e o pelo non branquexou, o sacerdote fará illar o enfermo durante sete días. E examinarao o sacerdote no día sétimo; e se, ó seu parecer, remite a infección sen se estender pola pel adiante, hao recluír por outros sete días. Lev 13/2-5. A Biblia. Vigo:SEPT